miércoles, 2 de julio de 2008

O Consello da Xuventude de Galicia organiza un concurso de carteis para a nova campaña de prevención da Sida.


O prazo para presentar os carteis permanecerá aberto ata o 10 de outubro. O premio será de 1000 € para a obra gañadora. Anímate a participar!


INTRODUCIÓN
A Comisión da Educación para a Saúde do Consello da Xuventude de Galicia (CXG) ten como filosofía promover hábitos de vida saudables entre as mozas e mozos galegos. Por este motivo, organiza este concurso cuxa principal finalidade é favorecer a participación da mocidade no deseño de novos materiais informativos poñendo en práctica a creatividade, a linguaxe e o modo de entendernos entre os máis novos.

OBXECTIVO CENTRAL DA CAMPAÑA
A campaña pretende transmitir a idea xeral das virtudes e beneficios da promoción da saúde reforzando as consecuencias positivas da prevención nas relacións sexuais para previr a sida. O cartel deberá ofrecerlle unha información clara, sinxela e básica á poboación xuvenil e contribuír á aceptación e normalización do uso do preservativo.

DESTINATARIOS
Mozas/os con idades comprendidas entre 14 e 35 anos de idade, independentemente do seu país de orixe ou residencia. Os traballos poderán ser individuais ou conxuntos. Cada autor/a poderá presentar un máximo de tres propostas.

TRABALLOS A CONCURSO
Consistirá no deseño dun cartel que inclúa a imaxe e o lema da próxima campaña de prevención da transmisión do VIH-Sida do Consello da Xuventude de Galicia. A obra presentarase en soporte dixital, formato vectorizado (extensións .ai e .eps) e tamaño Din A3 (29,7 x 42 cm). O material e a técnica utilizada serán libres dentro dos límites usuais para permitir unha normal reprodución fotomecánica.

CUESTIÓNS QUE SE DEBERÁN TER EN CONTA
- Valoraranse mensaxes que transmitan ideas e actitudes positivas, é dicir, evitarase basearse no medo e na ameaza.
- O público obxectivo da campaña é a poboación xuvenil.
- O lema do cartel deberá estar escrito en lingua galega.

SOLICITUDE E PRAZO DE PRESENTACIÓN
O prazo de presentación rematará o 10 de outubro de 2008. Os proxectos deberán remitirse por correo electrónico ao seguinte enderezo: info@cxg.org. Os concursantes deberán cubrir e enviar xunto co seu cartel un formulario que aparece adxunto a esta noticia.

SELECCIÓN DOS PROXECTOS
- O xurado estará formado pola presidenta do CXG, un membro do Comité Permanente do CXG, un membro da Dirección Xeral de Saúde Pública e as técnicas de Saúde e Comunicación do CXG.
- Non se admitirán obras que foran presentadas a outros concursos de organizacións públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, nin que foran premiadas con anterioridade, así como que os seus dereitos de autor poidan estar comprometidos con terceiros.
- O CXG reservarase a propiedade e os dereitos de publicación, reprodución e distribución do cartel gañador que será o que se utilice para a campaña de VIH–Sida 2008 e será adaptado aos distintos formatos en función das necesidades do CXG. Con respecto ao resto de propostas presentadas, o CXG poderá facer uso delas para determinadas actividades citando sempre a súa autoría.
- O xurado poderá declarar deserto o premio no caso de acordar que ningún dos proxectos presentados reúne o mínimo de calidade esixible.
- A decisión do xurado farase pública o 15 de outubro de 2008 na páxina web www.cxg.org. Contactarase coa persoa gañadora a través do número de teléfono que apareza no formulario.
- A participación do concurso implica a total aceptación das súas bases. O xurado quedará cualificado para resolver calquera suposto non recollido nesta convocatoria e as súas decisións serán inapelables.

PREMIO
Único premio de 1000 € (a esta cantidade aplicaráselle a retención tributaria legalmente prevista) e un diploma acreditativo.



--
Novas Xeracións de Galicia
Edificio CNL. Avda Fernando Casas Novoa –Bloque 2, Baixo
Santiago de Compostela (A Coruña)
Tel. 981-552-480 Fax: 981-573-190
http://www.novasxeracions.com



No hay comentarios:


Plantilla original blogspot modificada por plantillas blog